Sunday 28 de April de 2024

A Xunta formará aos xestores de residuos non perigosos para facilitar a súa adaptación ás últimas novidades lexislativas


Persoal da Consellería impartirá o vindeiro 20 de abril unha xornada telemática sobre o uso da plataforma GaIA eResiduos tras a entrada en vigor en marzo da Lei de residuos e solos contaminados de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda impartirá este mes unha xornada de teleformación dirixida ao persoal técnico das entidades xestoras de residuos non perigosos co fin de facilitar a súa adaptación ás novidades que suporá para o seu traballo a recente entrada en vigor da Lei de residuos e solos contaminados de Galicia.

A acción formativa levarase a cabo o vindeiro 20 de abril e estará centrada no uso e manexo da plataforma GaIA eResiduos da Xunta, unha ferramenta telemática que terán que empregar a partir de agora todos os xestores de almacenamento e valorización de residuos non perigosos que operan na Comunidade.

Así queda establecido na nova Lei de residuos galega, en vigor desde o pasado 17 de marzo e que, como novidade, introduce a obriga para este tipo de entidades xestoras de levar un arquivo cronolóxico con todas as entradas e saídas de residuos das súas instalacións a través da devandita plataforma.

En todo caso, ante o importante número de dúbidas e consultas recibidas nas últimas semanas con relación a este asunto, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático decidiu impartir unha xornada formativa de carácter telemático dirixida a persoal técnico ao servizo deste tipo de entidades xestoras de residuos non perigosos.

Os interesados en participar na teleformación impartida pola Xunta terán de prazo para inscribirse ata este mércores, 14 de abril, cubrindo para facelo o seguinte formulario en liña: https://cmatv.xunta.gal/formulario-xornada-gaia.